Miradoiro da Fraga
Dende o Miradoiro da Fraga poderemos observar, sen lugar a dúbidas, unha das mellores vistas que da Ría de Vigo se nos pode ofrecer. A súa situación privilexiada, nun dos puntos máis elevados de Moaña, permítenos dominar unha panorámica que se estende ó longo do frondoso val do Río da Fraga ata a súa desembocadura na praia da Xunqueira, xa convertido no Río dos Ladróns. Máis aló veremos o mar da ría, para perderse a nosa mirada tralos montes que flanquean Vigo, cidade que ó caer a noite, descóbresenos baixo un espectáculo de luces que a calquera amante da fotografía lle gustaría captar.
Praia da Xunqueira
Situada entre o casco urbano de Moaña e a illa de Samertolameu, a praia da Xunqueira constitúe o lugar perfecto para gozar das xornadas do verán en familia, pois a escasa profundidade das súas augas e a suave transición das súas mareas representan toda unha garantía para a seguridade dos máis pequenos, sen esquecernos, claro está, doutros atractivos tales coma a pintoresca paisaxe que os seus numerosos areeiros nos ofrecen na baixamar.
Igrexa de San Martiño (s.XII)
A igrexa de San Martiño do século XII, situada na parroquia á que dá nome, é un dos máximos expoñentes da arquitectura do Románico en Galicia. Así o constatan a súa impresionante fachada e o seu marabilloso campanario. Tamén son dignas de mención as festas que en honor do santo se celebran durante os días 10, 11 e 12 de novembro, momento que os veciños aproveitan para probar o viño novo acompañado de castañas nos numerosos furanchos abertos para a ocasión nos arredores da igrexa.