A VIDA Ó NATURAL

Situada na Ría de Vigo, no Concello de Moaña, A'Fraga Rural é un complexo de turismo rural que ofrece todo o necesario para disfrutar duns días en perfecta armonía coa natureza: aloxamento nas súas acolledoras casas de madeira, todo o sabor da mellor gastronomía galega na Taberna A'DE LINO e unha morea de actividades guiadas a través do programa Xornadas no Río da Fraga.

 

Vista da Ría de Vigo dende o Monte da Fraga

SEIS ANOS PARA UN SONO

Cando na noite de San Xoan de 1996 se inaugura Taberna A'DE LINO na Fraga, poucos poderían imaxinar que tan só seis anos máis tarde, o que parecía ser un pequeno capricho no medio da nada, producto máis dun impulso afectivo que dunha cuestión práctica, chegaría a medrar ata o punto de converterse nun ambicioso proxecto de recuperación e desenrolo de toda unha zona polo entón esquecida. Efectivamente, na noite do 24 ó 25 de Xullo do 2002, no máis alto do monte da Fraga, dominando o val do río que leva o mesmo nome, inaugúrase A'Fraga Rural, un complexo de turismo rural que, do mesmo xeito que aquel vello quinteiro restaurado e transformado nalgo máis que unha taberna, reúne tódalas condicións para satisfacer tanto ós amantes da natureza como ós interesados nas tradicións e a historia.

OS NOSOS ALOXAMENTOS

Situadas nunha finca de máis de 2000 m2, orientadas cara o Sur e testemuñas da ruta trazada polo Sol a diario sobre a ría, atópanse as nosas cabanas de madeira, rodeadas de espacios acondicionados para o relax dos nosos visitantes: zonas axardinadas, fontes, sendas bordeadas por frondosos castiñeiros e outras especies autóctonas, pequenos rincóns cheos de encanto e perfectos para abandoarse á lectura dun bo libro ou a unha apacible conversa.Cada unha das cabanas conta con 40 m2 distribuidos en dúas plantas habilitadas para aloxar un máximo de 5 hóspedes. Dende a súa entrada podemos admirar unha das vistas máis atractivas que sin dúbida existen do val do río da Fraga e da Ría de Vigo; na planta baixa atoparémonos cun acolledor salón comedor con cociña, un dormitorio con litera e un cuarto de baño con columna de hidromasaxe idónea para relaxarnos tras unha longa camiñada. A planta superior queda reservada para un amplo dormitorio con cama de matrimonio. Todo ó servicio do descanso e o confort.

 

Taberna A'DE LINO

Outro dos grandes atractivos de A'Fraga Rural o constitúe Taberna A'DE LINO, nela podemos disfrutar do mellor da nosa gastronomía e da nosa música, o lugar perfecto para facer acopio de enerxías ó comenzar a xornada cun bo almorzo ou para perdelas definitivamente nunha das suas tradicionais festas.

A raíz dunha conversación co seu avó Adelino Faria Garrido, Lino Fervenza decide transformar unha vella edificación situada na Fraga, antigamente utilizada polos seus antepasados como cortello para os animais, alboio para os útiles de labranza e lugar onde elaborar o viño no que os veciños cumprían o vello costume de reunirse arredor do cañeiro, nunha taberna que ó mesmo tempo servise como testemuña dunhas costumes -aquelas que tradicionalmente caracterizaran a vida das xentes do medio rural galego- xa desaparecidas e practicamente condenadas a desaparecer no esquezo. Así emprende a restauración non só do centenario quinteiro, senón tamén de todos os útiles de labranza, o hórreo, o pozo, a artesa, o lagar onde se fabricaba o viño... todos eles destinados a formar parte da decoración da futura taberna e que hoxe podemos admirar mergullados nunha atmósfera que nos sitúa de cheo nas historias que tantas veces nos teñen contado os nosos avós.

Hoxe en día, a Taberna A´DE LINO, constitúe toda unha referencia na Península do Morrazo como exemplo de fusión entre a iniciativa empresarial e a recuperación da memoria histórica dado o seu talante de "pequeno museo" etnográfico. Alí podemos gozar tanto dunha boa comida como da mellor música tradicional en vivo e unirnos ós coros que arredor dunha botella de viño ou unha queimada entoan cancións populares ata altas horas da madrugada.